Friday 17 de May de 2024

A Xunta anima ás Asociacións de Veciños, Mulleres Rurais e Comunidades de Augas a solicitar as axudas de 3M€ para mellorar as instalacións e os equipamentos destas entidades


― As subvencións financian obras de mellora e equipamento, cun límite de 12.000 euros no primeiro caso e 5.000 no segundo

― As entidades teñen ata o luns 14 de febreiro para presentar as súas solicitudes

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, reuniuse cos representantes da asociación de veciños da Praza do Comercio da Coruña que ano pasado recibiu case 17.000 euros para levar a cabo a reforma e a mellora do equipamento da sede social da súa entidade grazas á orde de axudas ás asociacións de veciños, mulleres rurais e comunidades de augas para mellorar a calidade de vida veciñal.

Na visita Trenor informou que a Xunta vén de renovar a orde de axudas do Plan específico de acción comunitaria, que xa está publicado no Diario Oficial de Galicia, e na que o Goberno galego incrementa o orzamento nun 20%, ata acadar os 3 millóns de euros, na súa aposta polo asociacionismo veciñal e a xestión conxunta de bens e servizos por parte da poboación galega. Os solicitantes teñen ata o luns 14 de febreiro para tramitar as peticións

A orde, en réxime de concorrencia competitiva, establece as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2022 dentro do plan específico de acción comunitaria, destinado a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia.

Os investimentos van destinados ao acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais e a compra de equipamentos básicos para o seu funcionamento, como mobiliario, equipos informáticos e audiovisuais ou material non básico específico para levar a cabo determinadas actividades. Ademais, son subvencionables proxectos de mellora, reforma e reparación das instalacións das traídas de auga promovidas por comunidades de usuarios de augas para garantir o abastecemento.

A contía das axudas pode acadar a totalidade do investimento realizado, cun límite máximo por entidade de 12.000 euros para a realización de obras e de 5.000 euros para dotación de equipamentos. O orzamento total é de 3 millóns de euros, un 20% máis que no 2021, cando se elevaba a 2,5 millóns.

As entidades beneficiarias deberán estar inscritas no rexistro de asociacións da comunidade e conter na súa denominación a identificación como asociación de veciños, federación, confederación ou unión de asociacións de veciños ou como asociación de mulleres rurais. No caso das comunidades de usuarios de auga deben estar legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de augas como titulares do aproveitamento de augas para o que solicitan a subvención.